Samsung leva á Gamescom os seus monitores para gaming

venres, 23 de agosto do 2019 Marcus Fernández

Samsung acudiu este ano á Gamescom de Colonia para presentar novos monitores orientados aos xogos para PC, entre os que destacou especialmente o CRG5, o monitor gaming curvo máis recente da compañía surcoreana que presume de ser o primeiro da súa categoría en contar cunha taxe de refresco de 240 Hz e nVIDIA G-Sync, conseguindo unha grande experiencia para xogadores.
O monitor Samsung CRG5 de 27 polgadas emprega a tecnoloxía 240Hz RapidCurve cunha taxa de refresco ultrarrápida e unha curvatura de 1500R, conseguindo así escenas fluídas e unha experiencia envolvente, que xunto co G-Sync consegue evitar problemas de tearing e stuttering. Goza dunha relación de contraste de 3.000:1, conta cun deseño case sen marcos, o seu panel VA ten 178 graos de ángulo de visión en vertical e horizontal, e tamén conta con modos de configuración orientados a distintos estilos de xogos ou incluso a reducir a fatiga visual.

Vídeo promocional do monitor CRG5

Pero este non foi o único monitor que amosou Samsung en Colonia, chamando poderosamente a atención o Samsung CRG9 de 49 polgadas, que presenta unha resolución de 5.120 x 1.440 píxeles, ou sexa, que equivale a colocar de xeito contiguo 2 monitores panorámicos QHD de 27 polgadas, de xeito que tanto pode ser ideal para certos xogos como para a multi-tarefa, destacando tamén polo seu brillo, xa que estamos ante unha pantalla HDR1000 con tecnoloxía QLED, que consegue tamén unha grande riqueza cromática. Neste caso a velocidade de refresco queda en 120 Hz, o que actualmente é máis que dabondo para unha grande experiencia en videoxogos.
Dado que as dimensións do CRG9 son equivalentes a ter dous monitores unidos lateralmente, esta pantalla conta tamén cun modo Picture-by-Picture co que dividir o panel en dúas zonas con proporcións 16:9 nas que amosar imaxes de cadansúa fonte de vídeo (polo que poderiamos ver á vez as imaxes de dous ordenadores ou dun ordenador e dunha consola).
Ambos monitores xa están dispoñibles comercialmente a nivel mundial.

Vídeo promocional do monitor CRG9

PUBLICIDADE