Samsung desenvolve unha solución para paliar a hiperacusia

venres, 31 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Dentro do programa Tecnología con propósito de Samsung está a desenvolverse o proxecto Unfear co obxectivo de mellorar o día a día das persoas con autismo minimizando as molestias que poidan ocasionar os ruídos. Conscientes da importancia do volume dos sons nalgunhas persoas con autismo, Samsung está a traballar nunha solución baseada en intelixencia artificial que silencia tanto os ruídos externos (alteracións e ruídos ambientais) como os ruídos ou alteracións no contido que se reproduce nos auriculares a través dun smartphone.
A aplicación de Unfear xa está dispoñible para descargar da tenda de aplicacións de Google Play, e pode empregarse en móbiles con Android 10 ou superior xunto con auriculares Samsung Galaxy Buds2 Pro (que contan con son de alta fidelidade e cancelación de ruído activa), de xeito que o usuario pode gozar da redución de ruídos como as sereas, o metro, as obras na rúa, os ladridos dos cans, os laios dos nenos... reducindo así a molestia que poden provocar especialmente en persoas con trastorno do espectro autista.
Unfear conta con múltiples modalidades, para adaptarse a distintos tipos de hipersensibilidade auditiva: modo sons externos (elimina sons molestos), modo concentración (cancela todo son externo até que o usuario fale), modo contido móbil (reduce o estrés acústico que poden provocar os sons reproducidos no móbil), modo calma (con só premer un botón reproduce un son precargado para axudar a que o usuario se relaxe ante unha posible crise) e botón SOS (chama a un contacto de emerxencia).

PUBLICIDADE