Samsung confirma que está a ultimar os seus sensores de 108 Mpíxeles

luns, 12 de agosto do 2019 Marcus Fernández

A semana pasada Xiaomi adiantou que estaba a traballar con Samsung nun sensor para cámaras de móbiles de 108 Mpíxeles, e agora é a propia Samsung a que achega detalles do novo sensor ISOCELL Bright HMX que será o primeiro da industria en superar os 100 Mpíxeles. Samsung ampliará o seu sensor de imaxe de 0,8 μm dende os 64 até os 108 Mpíxeles, conseguindo así unha resolución equivalente ao de cámaras réflex de alta gama.
Resulta evidente que nun smartphone tal resolución é excesiva, pero realmente non persegue crear imaxes de 108 Mpíxeles, senón empregar a tecnoloxía Tetracel para combinar grupos de 4 píxeles para imitar sensores con píxeles máis grandes, para así poder producir imaxes máis luminosas de 27 Mpíxeles.
O sensor HMX aproveitará un mecanismo de Smart-ISO para conseguir un equilibrio entre luminosidade e ruído, e tamén suporá melloras na gravación de vídeo, podendo chegar a filmacións 6K (6.016 x 3.384 píxeles) a 30 imaxes por segundo.
Os sensores Samsung ISOCELL Bright HMX entrarán en produción a finais de mes.

PUBLICIDADE