Samsung aposta por unidades SSD para gravar vídeo en alta definición

mércores, 7 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

Samsung amplía a súa familia de cámaras de vídeo de alta definición con 4 novos modelos (HMX-H106, HMX-H105, HMX-H104 e HMX-H100) que gravan vídeo en FullHD utilizando coma soporte de almacenamento memorias de estado sólido (mellorando a autonomía, reducindo o ruído e resultando máis resistente a golpes e vibracións que os discos duros integrados), que no caso do HMX-H106 se trata da primeira cámara en incorporar unha unidade interna SSD de 64 Gb, mentres que os modelos HMX-H105 e HMX-H104 integran unidades de 32 e 16 Gb de capacidade que se poden ampliar mediante tarxetas SD/SDHC, mentres que o modelo HMX-H100 só conta con esta última opción (prescindindo de almacenamento interno).
As gravacións realizadas con estas novas cámaras están en alta resolución comprimidas en H.264, que no modo de calidade fina permite gardar 3 horas de vídeo en 16 Gb, 6 horas en 32 Gb e 12 horas en 64 Gb (ou sexa, que cada hora ocuparía 5,33 Gb de disco).
Para achegar unha boa calidade de imaxe hai que destacar que estas cámaras contan cunha lente Schneider Kreuznach Varioplan HD cun zoom óptico de 10x, cun angular de 37 milímetros, e incluso conta cun flash por se queremos empregar a cámara para tomar fotografías a 4,7 Mpíxeles.
Estas cámaras contan con saída HDMI para poder presentar as imaxes gravadas en televisores de alta definición, e se poden manexar grazas á súa pantalla táctil de 2,7 polgadas.

PUBLICIDADE