Samsung amosa o seu móbil con pantalla encartable

mércores, 7 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Hoxe botou a andar en San Francisco a Samsung Developer Conference 2018, evento no que o fabricante surcoreano anunciou novidades ao redor do seu asistente virtual Bixby, da plataforma SmartThings e da nova experiencia de uso móbil con One UI, pero o que moitos estaban esperando era a presentación da Infinity Flex Display, innovación na que están a traballar para permitir que os usuarios poidan facer cousas no seu dispositivo que non podían conseguir cun smartphone convencional, ampliando a pantalla para realizar múltiples tarefas e visualizar contido.
A Infinity Flex Display permitiría que as aplicacións tivesen unha transición fluída da pantalla pequena dun smartphone ao equivalente á pantalla dunha tableta para, por exemplo, empregar 3 aplicacións activas de xeito simultáneo. Estamos ante todo un reto a nivel de software que precisa do apoio dos desenvolvedores, recoñecendo Samsung que está a traballar cos desenvolvedores de Google e Android para conseguir maximizar o potencial deste novo formato para crear unha experiencia de usuario pregable optimizada.
E para que se vexa que os esforzos que están a realizar son para algo, na súa saída a escena, Justin Denison, vicepresidente senior de Marketing de Produtos Móbiles, amosou un prototipo do que sería o primeiro smartphone de Samsung con pantalla encartable, do que se está a falar dende hai moitos meses, e que promete ser unha realidade pronto.
O terminal amosado, con pantalla de 7,3 polgadas, non é un produto que vaia resultar moi atractivo para o público polo seu esaxerado grosor, pero estamos só ante o inicio dunha tecnoloxía que pode supor unha revolución no xeito de entender os smartphones, tanto para o consumo de contidos como para a produtividade.

Vídeo no que podemos ver en vivo o prototipo de smartphone con pantalla dobrable de Samsung

PUBLICIDADE