Samsung achega a cámara dual á súa gama media

martes, 5 de setembro do 2017 Marcus Fernández

O primeiro smartphone con cámara traseira dual de Samsung é o Galaxy Note8, pero o feito de que o seu prezo supere os mil euros fai que non sexa unha prestación moi asumible para o consumidor medio, e para achegar a tendencia do ano a máis usuarios presentan agora o Samsung Galaxy J7+, un interesante móbil que na súa parte traseira integra unha cámara de 13 Mpíxeles con apertura f/1.7 e outra de 5 Mpíxeles e apertura f/1.9 (mentres que a cámara frontal opta polos 16 Mpíxeles), o que non dispara o seu prezo, que en Tailandia será de 12.900 bahts (327 euros).
O Samsung Galaxy J7+ funciona cun procesador de 8 núcleos, 4 GB de RAM, 32 GB de almacenamento (ampliable mediante tarxetas microSD de até 256 GB), pantalla Full HD super AMOLED de 5,5 polgadas, lector de pegadas dixitais, recoñecemento facial, batería de 3.000 mAh e cun grosor de 7,9 milímetros.
Polo momento non se coñece cando chegará este terminal a España, pero é de esperar que sexa en breve, xa que os terminais Galaxy J7 de 2017 poden atoparse con relativa normalidade no noso territorio.

PUBLICIDADE