Samsonite lanza unha mochila que interactúa co noso smartphone

luns, 5 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Hai uns anos Google anunciou unha colaboración con Levi’s dentro do proxecto Jacquard para facer realidade unha cazadora interactiva, produto que non parece ter trunfado comercialmente, o que non fai que tiren a toalla, e tras lanzar unha mochila urbana de Saint Laurent e soletas para zapatillas deportivas de Adidas, atrévense agora cunha mochila de Samsonite, á venda por 219,99 dólares no seu formato normal e por 199,99 dólares no seu formato delgado.
Estas novas mochilas teñen un espazo acolchado para poder transportar un ordenador portátil con pantalla de até 15,6 polgadas, a súa tea repele a auga, contan con numerosos petos para organizar o que transportemos, poden transportarse comodamente nun portaequipaxe, inclúen peto lateral para poder levar unha botella de auga e, como elemento diferencial, integran unha etiqueta Jacquard, que permite conectar a mochila co noso smartphone para realizar accións interactuando coa correa esquerda e recibir notificacións LED.
Entre as funcións que podemos realizar está o disparo fotográfico, o uso da navegación o control multimedia ou a xestión de chamadas mediante xestos personalizables na zona interactiva da mencionada correa esquerda da mochila.

Konnect-i é a primeira mochila de Samsonite con tecnoloxía Jacquard de Google

PUBLICIDADE