Saen á venda os auriculares BeatsX

venres, 10 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Cando no mes de setembro presentáronse os novos iPhone 7 sen conector de auriculares de 3,5 milímetros entendíase que esta aposta de Apple buscaba promover o uso de auriculares sen fíos como o seus novos AirPods, que grazas ao uso dun chip W1 conseguen facilitar as accións de activación en vinculación, pero aínda que os smartphones de Apple chegaron ao mercado español o 16 de setembro, os auriculares fixéronse esperar, e non chegaron a mans dos consumidores até o 20 de decembro, en cantidades tan reducidas que incluso podemos considerar que aínda non están á venda, xa que o tempo de esperar polos mesmos na tenda en liña de Apple é de 6 semanas.
Curiosamente estes auriculares, pese a ser moi avanzados tecnoloxicamente, non son os máis recomendables de xeito xeral, tanto polo seu elevado prezo (179 euros) como polo feito de que son de talle único, o que fai que non se axusten a numeroso pavillóns auditivos, ou sexa, que para moitos usuarios non resultarán confortables. Por iso están a recibirse con alegría os novos auriculares BeatsX, que poden mercarse xa por 149,95 euros, polo que non son só máis económicos que os de Apple, incluíndo tamén o reputado chip W1, senón que tamén inclúen 4 tamaños de almofadas para adaptalos a distintas formas de orella, contan con ganchos de suxeición extraíbles (para non ter medo de que caian da orella durante a práctica deportiva) e comezarán a chegar aos compradores o vindeiro día 14.
Temos así que os auriculares BeatsX son máis prácticos para a reprodución musical que os AirPods (pois ofrecen illamento acústico), aínda que resultan menos revolucionarios ao contar cun cable que une ambos auriculares (o que para moitos usuarios é unha vantaxe). Amais tamén gozan dunha autonomía de até 8 horas (3 horas máis que os AirPods) con carga rápida que en 5 minutos facilita o uso dos auriculares durante 2 horas.
Temos así unha magnífica alternativa para os AirPods, que sen dúbida preferirán os que queiran escoitar música ou realizar deporte cos auriculares postos, aínda que resultarán menos prácticos para os que vaian a empregalos unicamente como sistema de mans libres.

Vídeo promocional dos auriculares BeatsX

PUBLICIDADE