Sae á venda nos EE.UU. a Mi Box con Android TV 6.0

luns, 3 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Durante a pasada celebración do Google I/O no mes de maio anunciouse que Xiaomi estaba a preparar unha versión do seu streamer Mi Box que funcionaría con Android TV, e finalmente hoxe saíu á venda nos EE.UU. a un prezo de 69 dólares, o que semella unha proposta moi competitiva para quen queira achegar contidos multimedia da Rede ao seu televisor, sendo compatible este trebello até con vídeo en ultra alta definición, polo que estamos ante unha opción moi interesante para os que queiran dotar ao seu televisor das prestacións de Smart TV máis avanzadas.
A Mi Box é capaz de procesar vídeo 4K a 60 imaxes por segundo con HDR10, á vez que tamén é compatible coa busca por voz de Google e con Google Cast e, grazas a integrar Android TV, tamén pode correr as aplicacións de plataformas en liña como Netflix, HBO, Showtime e VUDU (así como xogos de Google Play) converténdose nunha das solucións coa mellor relación calidade-prezo para acceder a contidos audiovisuais en liña.
Este novo trebello está equipado cun procesador de catro núcleos con 2 GB de RAM, 8 GB de almacenamento interno (ampliable mediante USB 2.0), Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0, saídas DTS 2.0+ e Dolby Digital Plus, HDMI 2.0a e saída de audio (SPDIF/3.5mm). Mide 101 x 101 x 19,5 milímetros, pesa 176,5 gramos e inclúe un mando a distancia Bluetooth que inclúe micrófono para facilitar as ordes mediante voz.
A posta á venda da Mi Box nos EE.UU. iniciouse hoxe a través de Mi.com (esgotándose rapidamente as unidades) e nas tendas físicas de Walmart, esperándose que en breve chegue tamén á súa tenda en liña. Polo momento descoñécese se este dispositivo terá distribución europea, pero o seu atractivo é innegable, especialmente se temos en conta que o seu prezo podería ser o mesmo que o do futuro Chromecast Ultra, pero ofrecendo moitas máis funcionalidades.

O novo Mi Box pódese mercar nos EE.UU. por só 69 dólares

PUBLICIDADE