Sae a venda Battleborn

martes, 3 de maio do 2016 Marcus Fernández

Os creadores de Borderlands estrean hoxe con versións para PlayStation 4, Xbox One e PC o prometedor xogo Battleborn, shooter de heroes en primeira persoa que partirá cun cadro de 25 personaxes xogables dos que xa está prevista unha ampliación con 5 máis (sen custo adicional), e que contará con numerosos modos de xogo: modo historia por episodios que xogar en solitario, para 2 xogadores a pantalla partida ou en grupos de até cinco xogadores cooperando en liña; e tres modos multi-xogador competitivos de 5 contra 5 (Captura, Incursión e Fusión).
O xogo sitúanos nun universo a piques de desaparecer, dependendo a súa salvación do grupo de heroes Battleborn, uns badulaques interdimensionais que teñen que tomar as armas e defender Solus, a derradeira estrela do universo.
Aínda que o xogo chegará con bastante contido, está previsto o lanzamento de 5 lotes complementarios que irán enriquecendo o xogo, e que poderán adquirirse de xeito independente ou dentro do habitual pase de tempada.

Tráiler de lanzamento de Battleborn

Tamén cun xogo para móbiles

Dado que estamos ante unha franquía nova, dende 2K queren espallala ao máximo posible, e aparte do seu xogo principal para ordenadores e consolas tamén estrean hoxe Battleborn Tap, xogo que podemos descargar de balde na App Store ou en Google Play, e que permitirá controlar un pelotón de heroes no campo de batalla empregando os nosos dedos, contando cun grande incentivo para botar unhas partidas: podemos desbloquear recompensas exclusivas para o xogo principal.

Tráiler de Battleborn Tap

PUBLICIDADE