Sae á luz o Wild Earth, un xogo para PC de safaris fotográficos

martes, 6 de marzo do 2007 Raquel Noya

Discovery Networks, Discovery Communications e Empire Interactive veñen de anunciar o lanzamento dun novo xogo interactivo baseado en safaris fotográficos en África. Trátase do Wild Earth, unha creación que, en España, sairá ó mercado este mes de marzo, baixo o selo de Discovery Channel. Segundo asegura HardGame2, polas súas características, este xogo para PC da liña Xplosiv, “animará ós xogadores a explorar a súa innata fascinación pola natureza e o reino animal” e cualifícano como “un xogo totalmente diferente a calquera outro dispoñible actualmente no mercado”.
Wild Earth fai posible explorar a diversidade da vida salvaxe a través dun safari fotográfico polo parque africano do Serenqueti sen ter que movernos do sofá da casa (seguramente non sexa o mesmo, pero algo é algo). Os xogadores deben realizar diversas misións, cada unha con obxectivos fotográficos diferentes, desafiando os perigos e explorando a frondosidade dun fascinante mundo en 3D co obxectivo de sacar as mellores fotografías dos animais e dos espazos nos que se moven.
Elefantes, leopardos, leóns, crocodilos e moitos máis animais que até o de agora só viramos nos zoos, nos documentais ou nos debuxos animados poden ser ollados (e fotografados) no seu máis fascinante estado salvaxe, tanto de noite como de día e nas condicións atmosféricas máis estremas.
O principal atractivo deste xogo, no que a dificultade vai constantemente en aumento, é o enfoque non violento que presenta, o que o fai axeitado a todo tipo de público, e idóneo para os que buscan tanto educar como achegar actividades de lecer.

PUBLICIDADE