SMITE prepara a súa chegada a PS4

venres, 19 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

O xogo SMITE: Battleground of the Gods é un MOBA de acción dispoñible para Xbox One e ordenadores persoais que permite encargar a máis de 70 deuses (de 8 panteóns diferentes) que se enfrontarán en partidas de 5 contra 5 e que, en lugar de observar a acción dende arriba, ofrece unha perspectiva en terceira persoa. Tras colleitar grande éxito nas súas plataformas actuais, inicia oficialmente hoxe as súas probas alfa pechadas da súa versión para PlayStation 4, anunciando que a súa beta pechada comezará a primeiros de marzo, sendo xa posible inscribirse para participar na mesma.
SMITE, creado en 2013 por Hi-Rez Studios, suma actualmente máis de 14 millóns de xogadores nunha comunidade global que pretende medrar moito máis ao estrear a súa versión para PlayStation 4, podendo así presumir de ser o meirande MOBA que se adaptou de PC a PS4.

No xogo poderemos encarnar a deuses de diversos panteóns

O xogo é un free-to-play na que os xogadores de PlayStation 4 poderán gozar dende o primeiro momento de todos os modos de xogo e de 5 deuses de balde (Ymir, Thor, Neith, Guan Yu e Ra), así como aos deuses que estarán dispoñibles na rotación de balde, mentres que o resto de deuses serán desbloqueables mediante favores, xemas ou a través d eventos especiais da comunidade.
Para facilitar a introdución a este título por 23,99 euros poderase adquirir un Founder’s Pack que desbloqueará todos os deuses presentes e futuros do xogo, incluirá 400 xemas e tamén dará acceso directo á beta pechada.

Vídeo promocional da chegada de SMITE a PS4

PUBLICIDADE