SIVSA renova o mantemento dos proxectos de xestión pesqueira de Galicia

luns, 25 de maio do 2020 S. P.

A empresa galega SIVSA, referente no ámbito TIC, vén de resultar novamente adxudicataria do servizo de mantemento dos proxectos de xestión pesqueira de Galicia. En concreto, a través deste contrato realizará para a axencia AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) labores de desenvolvemento evolutivo e de soporte de sistemas de información para as iniciativas de xestión ligadas á promoción e á mellora da comercialización e rastrexabilidade dos nosos produtos do mar.
Con esta adxudicación darase continuidade ao soporte e ao mantemento realizado durante os últimos anos nos proxectos AVEMAR, centrado en autorizacións de primeira venda de produtos pesqueiros e acuícolas; FEIMAR, destinado á xestión de eventos feirais; REXBUQ, dirixido ao rexistro de buques de Galicia; OPPGA, para a xestión de organizacións de produtores; así como o sistema de rastrexabilidade da marca de calidade PescadeRías, de onde se non?, actualmente xestionados xa pola compañía TIC con sede en Vigo.
O novo contrato de SIVSA, con duración até o 30 de novembro de 2021, conta cun importe de máis de 785.000 euros, e poderase prorrogar por un prazo igual ou inferior ao fixado orixinariamente.
A compañía TIC lembrou que coa nova adxudicación “consolidamos a nosa posición como provedores tecnolóxico de referencia da AMTEGA para atender proxectos no ámbito funcional da Consellería do Mar e ofrecer solucións pioneiras para o sector”.

PUBLICIDADE