SIVSA mostra a súa actividade ao alumnado do IES Luis Seaone de Pontevedra

luns, 15 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

Entre as empresas tecnolóxicas galegas que están a mostrar o seu labor punteiro aos estudantes da nosa terra, amosándolles, a través do programa Digitalent de AMTEGA, en que consiste o seu día a día, atópase SIVSA. A firma de Vigo (con sede no Parque Tecnolóxico e Loxístico e con máis de 30 anos de experiencia en consultoría e desenvolvemento TIC), recibiu o venres pasado a visita de 19 estudantes do IES Luis Seoane de Pontevedra.
O obxectivo da estadía foi achegarlles unha visión real do traballo das tecnológas e tecnólogos de SIVSA, amais do funcionamento dunha firma TIC. Amais, a rapazada tivo ocasión de coñecer o tipo de iniciativas que se impulsan nunha empresa tecnolóxica como SIVSA, a través do proxecto da compañía FutureLab + CodeFun.
Acompañados por técnicos da firma viguesa, os estudantes percorreron as instalacións e as diferentes áreas de traballo, amais de participaren nun obradoiro práctico sobre o desenvolvemento do coche do futuro e nunha sesión de Live Coding de introdución á programación de videoxogos, na que aplicaron algúns dos conceptos matemáticos, físicos e lóxicos que aprenderon no seu centro escolar durante os últimos anos.
Con esta presenza activa den Digitalent, SIVSA busca mellorar a visión e a percepción que teñen as mozas e os mozos de secundaria do mundo TIC, propóndolles unha experiencia eminentemente práctica que poida espertar o seu interese polos estudos STEM (Science, Technology, Engineering & Mathematics), uns estudos que, segundo engade a empresa TIC, están “situados entre os máis demandados na actualidade, e que reúnen as mellores competencias para desenvolver as carreiras do futuro”. SIVSA tamén lembra que a día de hoxe, en Galicia, só o 9,3% das persoas que se matriculan no sistema universitario cursa carreiras do ámbito STEM, “unhas cifras que contrastan coa alta empregabilidade dos profesionais do ámbito dixital”. De feito, só na Comunidade o sector tecnolóxico mantivo unha taxa de emprego estábel de arredor do 1,6%, batendo a súa marca en 2016 con máis de 16.000 traballadoras e traballadores.
Polo que se refire a FutureLab + CodeFun, forma parte das iniciativas promovidas dentro do Plan de Promoción do Talento Dixital De Galicia 2020 (Digitalent), impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para potenciar as vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade.

PUBLICIDADE