SIVSA crea un novo sistema para apoiar as decisións médicas baseado en IA: o sistema Tatanka
luns, 6 de xullo do 2020
A
compañía galega SIVSA, referente tecnolóxico estatal e europeo,
vén de presentar detalles do seu novo prototipo destinado a apoiar
aos profesionais médicos nas súas decisións: Tatanka,
un sistema de soporte para facilitar o día a día dos facultativos
nas súas resolucións médico-terapéuticas. En palabras da
empresa viguesa, este modelo de coñecemento permite, entre outras
aplicacións, “establecer un diagnóstico personalizado, facer un
prognóstico preciso dun paciente ou medir en detalle a evolución
dunha lesión”.
A
empresa lembra que estas e outras funcionalidades serán posíbeis
grazas aos patróns xerados a través de Intelixencia Artificial
(IA), a aplicación de características radiómicas de imaxes
médicas, así como o fornecemento de trazos cuantitativos extraídos
“a partir dunha análise textural” e logo procesados mediante
algoritmos de aprendizaxe automática (Machine Learning)
e profunda (Deep Learning).
SIVSA
engade que Tatanka presenta unha manchea de vantaxes para os
sanitarios xa que, ademais de mellorar a calidade na atención
directa ao usuario, aumenta a súa seguridade reducindo os erros de
medicación e aliñando a prescrición médica coas probas,
incrementando, tamén, a eficiencia na promoción da saúde.
Este
proxecto ten co-financiamento do Ministerio de Industria, Comercio e
Turismo, ao abeiro do Plan de Investigación Científica e Técnica e
de Innovación 2017-2020, no marco da Acción Estratéxica en
Economía e Sociedade Dixital (AEESD) e do Subprograma Estatal de
impulso ás Tecnoloxías Habilitadoras.
Para
o seu desenvolvemento SIVSA conta coa participación do Instituto de
Investigación Sanitaria Galicia Sur, co obxecto de “facilitar a
transferencia tecnolóxica”.