Ryanair comezará a cancelar os seus voos "non autorizados" o vindeiro 25 de agosto

xoves, 14 de agosto do 2008 Raquel Noya

A directora de vendas de Ryanair, Sinead Finn, vén de anunciar hoxe en Barcelona que a súa compañía de baixo custo "comezará a cancelar vos voos contratados a través de portais de viaxes distintos dá súa propia web oficial, en dúas semanas contadas a partires do pasado 11 de agosto", é dicir, a partires do vindeiro 25 deste mes.
Finn asegurou que a compañía xa está a comunicarlle a decisión ás axencias en liña responsables desta situación, para que sexan elas as que avisen aos clientes perxudicados xa que, asegura, "Ryanair descoñece os datos dos clientes finais destas empresas".
A compañía irlandesa mantén así un tira e afrouxa coas axencias de viaxe en liña, as cales teñen previsto tomar medidas legais malia que Ryanair se compromete a devolverlle integramente o importe dos billetes para que estas llo reembolsen aos seus clientes.
A compañía irlandesa vaise remontar, a lo menos, un mes atrás para identificar as devanditas reservas, o que podería afectar a voos reservados mesmo para o vindeiro mes de marzo.
A axencia de viaxes en liña de orixe galego, Atrápalo, é a única axencia española contra a que Ryanair emprendeu accións legais polo momento e vén de anunciar que continuará vendendo billetes "ata que non haxa unha sentenza firme" posto que, aseguran, "non incumpren ningunha lei nin fan nada que non fagan outros portais".

PUBLICIDADE