Román Rodríguez remata as súas visitas aos centros tecnolóxicos galegos

luns, 14 de outubro do 2024 S. P.

Visita de Román Rodríguez ao Centro Tecnolóxico Gradiant celebrada o pasado verán

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou os nove centros tecnolóxicos galegos para coñecer o seu funcionamento e os proxectos nos que están a traballar.
Na súa visita, Román Rodríguez escoitou as necesidades destes centros e prometeu o apoio que se realizará a través do novo Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, no que os centros tecnolóxicos terán un papel salientábel. Este plan é un instrumento co que se concretarán as iniciativas e apoios á I+D+i para avanzar neste eido e potenciar Galicia como territorio referente.
O Goberno galego traballa para ter aprobado este plan a final de ano, co obxectivo de mellorar a resposta das políticas públicas aos retos actuais da sociedade. Para iso, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP parte dunha avaliación, xa en marcha, da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia do período anterior, e contará coa participación dos membros do ecosistema galego de I+D+i e coa opinión contrastada dun grupo de expertos na materia.
O Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 ten como meta: acadar unha maior eficiencia e impacto das accións impulsadas desde a Administración para o impulso da investigación, a transferencia, a valorización e a innovación en Galicia; a coordinación dos axentes do ecosistema de I+D+i e dos recursos dispoñíbeis, favorecendo a colaboración público-privada; a coordinación da Comunidade Autónoma nos plans e programas nacionais e internacionais, o fomento da innovación e da súa xestión e a medición e avaliación dos resultados acadados en relación cos obxectivos propostos.
Ao largo dos últimos meses, Román Rodríguez visitou a Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (AIMEN) no Porriño, o Centro de Automoción de Galicia (CTAG) no Porriño, a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas, Pescados e Mariscos (ANFACO-CECOPESCA) en Vigo, o Centro Galego de Investigacións de Auga (CETAQUA) en Ourense, onde ten as súas instalacións o Centro Mixto de Investigación CIGAT Circular, o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM) en Culleredo, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) en Vigo, o Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sustentabilidade Enerxética (EnergyLab) en Vigo, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) na Coruña e o Centro Tecnolóxico do Clúster da Acuicultura (CETGA) en Ribeira.