Rock Band supera os 28 millóns de cancións descargadas

mércores, 10 de decembro do 2008 Marcus Fernández

Mentres agardamos o lanzamento de AC/DC LIVE: Rock Band Track Pack (que chegará ás tendas españolas a mediados de mes) a xente de Electronic Arts e Harmonix anuncian que as anteriores entregas de Rock Band a través da súa plataforma de descargas para Xbox 360 e PlayStation 3 conseguiron sumar un total de 28 millóns de cancións dende os seus comezos o que podería supor unha facturación superior aos 38 millóns de euros (aínda que é difícil de ponderar xa que os pagamentos se realizan en distintas moedas e incluso con cartos virtuais que cambian de prezo segundo o volume adquirido).
Na actualidade están dispoñibles máis de 345 temas de máis de 239 artistas de diferentes estilos, que son compatibles tanto con Rock Band como con Rock Band 2, agardando rematar o ano cun total de 500 cancións no seu catálogo.
Resulta destacable a cantidade de descargas acadadas polo feito de que a finais do pasado mes de marzo apenas se descargaran 6 millóns de cancións para Rock Band, polo que entendemos que o lanzamento de Rock Band 2 disparou as vendas de cancións.

PUBLICIDADE