Roberto Verino mostra como integrar os vieiros tradicionais da moda coas ferramentas dixitais e 3D
mércores, 20 de xaneiro do 2021
O deseñador galego Roberto Verino e os
responsábeis da escola de moda La Tecnocreativa, con sede en Madrid,
están a compartir un vídeo
documental sobre como integrar as novas ferramentas tecnolóxicas de
traballo na nosa tradición téxtil. En concreto, o obxectivo do
audiovisual é “pór en valor oficios da moda, o saber e a
experiencia, pero coas vantaxes e coñecementos da tecnoloxía do
século XXI”. No vídeo ponse o foco en como aplicar ese
coñecemento de xeracións entre os novos talentos, poñendo o foco
en ámbitos como a patronaxe e a súa conversión cara ao dixital e
as contornas en 3D.
En concreto, o empeño do deseñador galego é
reivindicar os oficios da moda no novo contexto e para plasmalos
recreouse un obradoiro de patronaxe que reúne talentos tradicionais
do seu equipo e talentos dixitais formados na Tecnocreativa. O
cometido consiste en dixitalizar a colección de roupa en 3D e crear
un espazo de intercambio e aprendizaxe entre as dúas disciplinas dun
mesmo oficio.
Roberto Verino foi a primeira marca en combinar
patronaxe manual co 2D en España nos anos 80 e é un gran defensor
de preservar os oficios da moda en España como un selo de identidade
e diferenciación. Roberto defende “un sector que se actualiza de
continuo partindo da aprendizaxe artesá para seguir achegando valor
no século XXI e permitir o avance da industria en novas formas
hibridas de traballo e produción da man da tecnoloxía”.