Rise of the Tomb Raider estrea versión para PC

xoves, 28 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

O xogo Rise of the Tomb Raider deixa hoxe de ser un título exclusivo para consolas Xbox, e por fin pode gozarse desta excelente secuela en ordenadores persoais, saíndo hoxe mesmo á venda por 53,59 euros na tenda de aplicacións de Windows 10 (prezo que manterá promocionalmente durante unha semana) e por 44,99 euros en Steam na súa versión estándar e a 70,18 euros a súa edición de luxo (que inclúe o pase de tempada). Cómpre destacar que a versión da tenda de Windows inclúe logros, o Game DVR e os marcadores, ou sexa, que achegaría unha experiencia máis semellante á da versión para Xbox One.
Esta nova versión do xogo precisa para funcionar un ordenador que conte como mínimo cun procesador Intel Core i3-2100 ou AMD Phenom II X4 945, gráfica nVIDIA GTX 650 con 2 GB ou AMD HD7770 con 2 GB, 6 GB de RAM e 30 GB de espazo libre en disco, aínda que nesas condicións non parece moi recomendable a compra do xogo, xa que para poder gozar dos seus gráficos mellorados sería máis que recomendable ter un equipo cun procesador Intel Core i7-3770, unha gráfica nVIDIA GeForce GTX 970 e 8 GB de RAM.
A mellora gráfica do xogo é notable, con texturas de alta resolución, filtros anisotrópicos, efectos ambientas avanzados... un salto de nivel que claramente mellora á primeira entrega da saga (mentres que a versión para Xbox One parecía bastante parella á remasterización de Tomb Raider) e que para os xogadores de PC con equipos potentes podería compensar a espera por este título que non chegará a PlayStation 4 até finais de ano.

Vídeo promocional da versión para PC de Rise of the Tomb Raider

PUBLICIDADE