RetroVigo dedicará unha fin de semana aos beat’em up

martes, 4 de setembro do 2018 Marcus Fernández

Estamos a vivir un momento no que a nostalxia ten un peso moi importante no mundo dos videoxogos, como podemos comprobar ao ver o retorno de sagas clásicas, a recuperación de vellos títulos en forma de remake ou de remasterización e incluso a edición de consolas mini que serven de homenaxe a un tempo no que os videoxogos tiñan como referente os salóns recreativos.
Neste contexto non sorprende que existan asociacións como Retro Galaicos, que axudan a pór en valor o lecer electrónico retro, para o que, entre outras actividades, organizan RetroVigo 2018, segunda edición dunhas xornadas que durante os días 22 e 23 do presente mes congregarán xogos, torneos, exposicións e charlas na Aula D na Rúa Elduayen, nº 36 de Vigo.
Esta nova edición de RetroVigo destaca por ter unha temática, os beat’em up, un tipo de xogo de loita que curiosamente está de grande actualidade tras o anuncio de Streets of Rage 4 e que centrará un par de charlas: o sábado 22 ás 12:00 horas Jacobo e Galo Martínez farán un repaso das orixes e os títulos máis destacados deste xénero; ás 13:00 horas pasarán o relevo a Andrés de Pedro, presidente de Retro Galaicos, quen baixo o título Beat’me down fará do «puño das compañías na cara do xogador» e «o bochorno dalgúns xogos».
RetroVigo é un encontro de entrada libre, durante o que desenvolverase un torneo especial de Streets of Rage 2 aberto a todos os participantes, e tamén haberá máis actividades que irán debullando nas vindeiras semanas a través das redes sociais do evento.

PUBLICIDADE