Retiran Cyberpunk 2077 da PlayStation Store
venres, 18 de decembro do 2020
O
lanzamento de Cyberpunk 2077 está a facer que un dos xogos máis
ambiciosos dos últimos anos percíbase como unha auténtica desfeita, especialmente
nas versións de consolas da anterior xeración, que non só presentan grandes
fallos, senón que basicamente son xogos sen rematar, o que levou a CD Projekt
Red a pedir
desculpas por ter lanzado o xogo en tal estado e comentar a posibilidade de
solicitar a devolución do xogo (ofrecéndose incluso a mediar nos casos nos
que o vendedor non aceptase a petición).
Os moitos adiamentos do xogo non foron dabondo para que puidésemos falar dun
xogo realmente rematado, e xa hai grandes actualizacións do mesmo
previstas para os meses de xaneiro e febreiro, polo que quen queira gozar realmente
deste título debería agardar para poder ter unha experiencia realmente digna e
non padecer así problemas como a perda de gardados de partida ou bugs
que fan imposible superar unha misión ou provocan grandes fallos gráficos.
Esta situación tan crítica levou a unha decisión realmente drástica por parte
de Sony, que decidiu suspender
temporalmente a distribución de Cyberpunk 2077 na PlayStation Store,
aínda que o
xogo continuará a estar dispoñible en tendas físicas, abrindo unha páxina
web dende a que os consumidores que adquirisen o xogo poden solicitar a devolución
dos seus cartos (procedemento que pode levar varios días, en función do
método de pagamento empregado).
Polo momento non hai un procedemento especial de devolución dos cartos para
copias de Cyberpunk 2077 para Xbox One, pero non sería de sorprender que
chegase nas vindeiras horas, oficializando así que o xogo chegou roto para
consolas da anterior xeración, e só as versión para máquinas de grande potencia
ofrecerán unha experiencia de xogo digna a medio prazo.
Pese a
que agora poida dar a impresión de que CD Projekt Red está a responder
axeitadamente ante os problemas do seu xogo, o certo é que a compañía foi
claramente desleal co público, xa que na promoción de Cyberpunk 2077 só
amosaban a súa versión para PC correndo en máquinas de moi alta gama, e as
versións de consola da anterior xeración nin sequera foron probadas pola prensa
especializada antes do lanzamento do xogo, de xeito que estas vergoñentas versións
non se coñeceron até a súa comercialización. Esta falta de honestidade
traduciuse nuns 8 millóns de copias reservadas do xogo, algo que non se tería
producido de saberse que a produción estaba aínda á altura do prometido.