Retegal xestionará unha rede de fibra óptica de preto de 1.900 quilómetros

venres, 6 de agosto do 2010 Redacción

Núñez Feijoo na rolda de prensa tras o Consello da Xunta

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de onte o proxecto de decreto polo que se modifican os estatutos da Sociedade de Redes de Telecomunicacións Galegas Retegal S.A.
O Decreto 325/2009 do 18 de xuño de Estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Xunta de Galicia, atribúe a competencia de planificación e coordinación das funcións atribuídas a Retegal S.A. á Secretaría Xeral de Medios e á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, quedando establecido un réxime de colaboración entre os dous órganos superiores dependentes da Presidencia do Goberno galego.
Por esta razón, considerouse necesaria a modificación dos estatutos desta sociedade coa finalidade de adaptar a representación no Consello de Administración aos titulares dos órganos con competencia en materia de telecomunicacións e desenvolvemento da sociedade da información, atribuíndo a presidencia do mesmo ao titular da S.X. de Modernización e Innovación Tecnolóxica, e a vicepresidencia ao titular da S.X. de Medios.
Neste contexto, a modificación do artigo 16 dos estatutos establece tamén que, o Consello de Administración estará integrado por un número de conselleiros non inferior a tres nin superior a sete; que a elección destes corresponde á Xunta Xeral de Accionistas; e que o secretario do Consello será elixido por este a proposta do seu presidente debendo ser licenciado en dereito.
Retegal pretende ser unha ferramenta imprescindible que posibilitará colocar á Comunidade galega nun posto de referencia en canto ás tecnoloxías da información e a comunicación apoiando o impulso ás novas tecnoloxías e ao desenvolvemento da Sociedade da Información no conxunto das políticas públicas.
Amais, o Consello da Xunta tamén autorizou ao operador público Retegal a contratación á empresa Unión Fenosa Redes de Telecomunicación (UFINET) a ampliación de 800 quilómetros de fibra óptica por un importe de 12,9 millóns de euros para a implantación da banda larga en Galicia. Este paso enmárcase na Acción 2 do Plan de Banda Larga (PBL) 2010-2013, que contempla o desenvolvemento das redes troncais e infraestruturas públicas (fibra óptica, radioenlaces, localizacións) na Comunidade Autónoma.
Para acadar este obxectivo resulta imprescindible a ampliación da rede de fibra óptica existente. Para isto instalaranse 800,54 quilómetros de fibra óptica que se sumarán aos 1.054,81 xa existentes para conformar unha rede de 1.855,35 quilómetros sobre á que se implementarán tecnoloxías de última xeración que permiten a transmisión de datos a unha velocidade de 10 xigas.
Esta actuación dotará á Comunidade dunha potente rede de telecomunicacións coa tecnoloxía máis avanzada en canto á capacidade de crecemento, calidade, posibilidades de evolución e maior velocidade de transporte. Deste xeito, a Xunta de Galicia, a través de Retegal xestionará unha infraestrutura que lle permitirá unha gran capilaridade para achegar á Rede as zonas máis illadas tecnoloxicamente que ata o de agora non podían acceder aos servizos dixitais máis avanzados.br>Ademais, o desenvolvemento desta infraestrutura favorecerá a competitividade ao estar á disposición dos operadores privados que desexen usalo, permitindo acelerar o despregamento da banda larga naquelas zonas con máis dificultades de acceso.

PUBLICIDADE