Resistance 3 chegará ás tendas o 8 de setembro con soporte de PS Move e 3D

luns, 22 de agosto do 2011 Marcus Fernández

Por 299,99 euros estará dispoñible unha PlayStation 3 con 320 Gb de disco duro e o xogo Resistance 3 incluído

O vindeiro 8 de setembro é a data elixida para que o xogo de Insomniac Games Resistance 3 chegue ás tendas españolas, permitindo que os usuarios da PlayStation 3 poidan volver a enfrontarse ao virus Quimera, nunha nova entrega da saga que desta volta permitirá empregar o sistema de control PlayStation Move e será compatible con televisores 3D, engadidos que enriquecen a experiencia de xogo entre os afortunados que conten con estes elementos para completar a súa PS3.
A terceira entrega de Resistance para PS3 tamén ofrece a posibilidade de xogar en compañía. Disporá dun modo multi-xogador cooperativo baseado en clases onde ata 16 usuarios conectados en liña poderán unir as súas forzas na loita contra as Quimeras.
O xogo chegará ás tendas a un prezo recomendado de 69,99 euros, contando tamén cunha Edición Superviviente por 129,99 euros e un pack cunha consola PlayStation 3 de 320 Gb que poderá mercarse por 299,99 euros.

En Resistance 3 haberá que volver a enfrontarse á ameaza das Quimeras

PUBLICIDADE