Resident Evil: Revelations estrea demo unha semana antes do seu lanzamento

xoves, 16 de maio do 2013 Marcus Fernández

A chegada de Resident Evil: Revelations á Nintendo 3DS foi recibida con entusiasmo por moitos afeccionados á saga de Capcom, en boa medida por supor un xiro cara ao xénero do survival horror propia das primeiras entregas da saga, aínda que sen perder os elementos de acción que tomou nos últimos tempos, e para non limitar a dispoñibilidade deste título e compensar aos xogadores pola decepción que supuxo o Resident Evil 6 a semana que vén estrearase en plataformas domésticas, concretamente para Xbox 360, PlayStation 3, Wii U e PC.
Dado que estamos ante o salto dun xogo dunha consola portátil, ou sexa, cun nivel gráfico moi limitado, a pantallas de grande tamaño, é de esperar certo temor por parte dos xogadores de atoparse ante un título menor, e para evitar este tipo de reticencias esta semana estrearon en PlayStation Network, o Bazar de Xbox LIVE e Steam unha versión de demostración que permítenos probar unha parte da campaña do xogo na que controlamos a Jill Valentine abordando un barco pantasma na procura do seu antigo compañeiro, Chris Redfield.

Na demo do xogo podemos meternos na pel dun dos seus personaxes xogables, Jill Valentine


Trailer da versión para Wii U de Resident Evil: Revelations

PUBLICIDADE