Resident Evil 7 estrea demo para Xbox One

martes, 13 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Tras o desastre que supuxo Resident Evil 6, dende Capcom decidiron recapacitar, e renovar a súa franquía de survival horror volvendo ás orixes, pero deixando de lado tamén a trama de Umbrella Corp e os carismáticos protagonistas que foron presentando ao longo de dúas décadas, para preparar Resident Evil 7, unha aventura totalmente nova, que incluso muda de punto de vista (desta volta será un xogo en primeira persoa, buscando así ser máis terrorífico) e que dende a pasada edición da feira E3 conta cunha especie de demostración e adianto para PlayStation 4 que hai unha semana recibiu unha actualización (que engadiu soporte para PlayStation VR e PS4 Pro) e que finalmente hoxe chegou para Xbox One, tendo que agardar os usuarios de PC até o vindeiro luns para poder probar a nova experiencia.
A demostración deste xogo presenta a un protagonista que esperta so no chan dunha granxa abandonada, da que terá que atopar unha saída, presentando paulatinamente elementos que grazas á vista illada consegue transmitir calafríos para que a sensación final deixe pegada no usuario. Ao estarmos ante a segunda versión da demo, desta volta teremos máis instancias do fogar dos Baker que explorar, así como novos elementos que afondarán na aventura presentada para comprender un pouco mellor o que ofrecerá o xogo final que verá a luz o 24 de xaneiro de 2017.

PUBLICIDADE