Resident Evil 4 chega ao iPhone

martes, 28 de xullo do 2009 Marcus Fernández

O Resident Evil 5 foi recibido nalgúns países con certa polémica polo seu suposto racismo (por aparecer infectados de distintas etnias africanas, o que estaba xustificado precisamente porque a acción transcorre en África) pero a xente parecía ter esquecido que o Resident Evil 4 estaba ambientado en España, país que representaban coma unha comunidade rural pouco desenvolvida, na que os habitantes atacaban ao protagonista con apeiros de labranza á vez que berraban frases cun claro acento mexicano. Agora esta entrega da saga pódese lembrar grazas a que vén de desembarcar en iTunes, de xeito que poden gozar da mesma os usuarios de iPhone e iPod Touch tras pagar os 5,99 euros que custa este título protagonizado por Leon S. Kennedy, e que presenta uns gráficos 3D que aproveitan ao máximo a potencia do iPhone, conta cunha perspectiva en terceira persoa, aproveita o acelerómetro do terminal para recargar as armas no xogo axitando o iPhone e incluso conta coa posibilidade de desbloquear o modo mercenario (unha misión independente integrada).
Sobre a mencionada polémica desta entrega de Resident Evil, cómpre indicar que Capcom nunca recoñeceu que o xogo estivese ambientado en España, senón que fala dunha «vila de hispanofalantes en Europa» na que incluso nesta última versión as moedas que recollemos polo camiño son pesetas (por se alguén tiña dúbidas). Pero deixando este detalle a un lado, podemos asegurar que estamos ante un grande xogo para o iPhone, aínda que cun sistema de control un tanto complexo, que tras un tempo de adestramento permitirá unha grande precisión de disparo e unha experiencia difícil de crear para un dispositivo de pequeno tamaño na que este tipo de xogos de acción aínda non son habituais.

PUBLICIDADE