Resident Evil 0 estrea versión en alta definición

mércores, 20 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

O xogo Resident Evil 0 chegou en 2002 a xeito de precuela do Resident Evil orixinal, estado inicialmente dispoñible só para GameCube e levado a Wii en 2008, e esta semana, coa alta definición establecida xa en todas as plataformas domésticas, temos finalmente unha remasterización do xogo, que podemos mercar en formato dixital por 19,99 euros para PC (Steam), PlayStation 3, PlayStation 4, Xbox 360 e Xbox One.
Deste xeito, agora podemos redescubrir o misterio que se oculta tras o incidente na mansión (que puño en marcha os sucesos da saga) cuns gráficos en alta definición, son envolvente 5.1, opción para gozar dun control modernizado e compatibilidade con televisores panorámicos.
Nesta aventura tómase o rol da policía novata Rebecca Chambers de S.T.A.R.S., que acompañada polo condenado por asasinato Billy Coen, vivirá 24 horas moi complicadas que dan pé a Resident Evil e que tamén nos achega detalles que enriquecen as tramas de Resident Evil 2 e Resident Evil 5 (xa que no xogo preséntase ao doutor William Birkin e ao seu cómplice Albert Wesker).

Tráiler de lanzamento de Resident Evil 0

PUBLICIDADE