Reloxos de pulso como accesorio de móbiles con webOS

xoves, 5 de maio do 2011 Marcus Fernández

O ano pasado Sony Ericsson comezou a comercializar o LiveView, un accesorio Bluetooth para móbiles co sistema operativo Android que tomaba a forma dun reloxo de pulso para achegar información á súa pantalla como mensaxes de texto recibidos no móbil, a recepción dunha chamada ou unha comunicación a través de Facebook. Pois agora segue o mesmo camiño o Fossil Meta Watch, que chega en dúas versións: unha cun reloxo de pulso analóxico completado por 2 pantallas OLED de 16 x 80 píxeles e outro dixital cunha pantalla reflectiva de 96 x 96 píxeles.
Estes novos dispositivos comunícanse co móbil a través de Bluetooth, son resistente á auga (ata 3 atmosferas), teñen acelerómetro, sensor de luz ambiental e batería recargable, e están construídos nunha carcasa de aceiro e suxeitados por unha correa de coiro.
Estes novos reloxos de pulso, en vez de estar orientados ao seu uso en combinación con móbiles Android, contan co apoio de HP, de xeito que gozarían de compatibilidade con terminais con webOS. As posibilidades destes dispositivos aínda non se coñecen detalladamente, pois dependerá moito do proveito que tiren os desenvolvedores do seu hardware, e non chegará ás tendas ata o mes de xullo, cando sairá á venda a un prezo duns 200 dólares (un prezo moi superior aos 50 euros que custa o LiveView de Sony Ericsson).

PUBLICIDADE