Refraneiro galego: desenfundando o móbil a golpe de frases nosas

xoves, 15 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Cantas veces quixemos ter unha frase feita a man, especialmente nosa e retranqueira, para rematar unha conversa ou unha discusión do mellor xeito posíbel e por moito que espremimos os miolos non a dimos atopado? Pero ah, a tecnoloxía, de empregala ben, pode botarnos unha man e, de paso, contribuír a conservar o noso patrimonio refraneiro, ultimamente atacado dende tódalas frontes, sobre todo polo afianzamento de frases que non teñen nada que ver coa nosa identidade. Vémolo en Galicia Hoxe, onde se nos dá conta da aplicación Refraneiro Galego para iOS, un recurso para móbiles de Apple que posibilita a consulta de case 10.000 construcións orais diferentes.
O refraneiro, que xa está ao alcance dos usuarios de iPhone ou iPad na App Store (nunha aplicación desenvolvida por Filloa Dev), achégase a un prezo de 0,79 euros, o que está moi ben tendo en conta o que nos ofrece: consultar os refráns sen necesidade de estarmos en liña, achegarnos a eles a través de procuras ou ao chou, gardar construcións preferidas, compartilas na Internet e nas redes sociais, etc. E, por certo, para quen queira sorprender á familia ou aos compañeiros de traballo cunha frase especialmente elaborada a conto do día concreto no que se vive, dicir que se inclúe unha ferramenta de alerta que nos deixa no móbil un refrán para cada xornada ou para cada semana e sen que sexa preciso abrir o aplicativo. Detrás deste interesante traballo, especialmente importante para darlle vida á nosa cultura a través das novas tecnoloxías, está a xornalista coruñesa Pilar Mera, responsábel da escolma dos case 10.000 refráns, do deseño da aplicación e da posta en marcha da web e os perfís das redes sociais, todo baixo o alias de Decrecemento Feliz.

PUBLICIDADE