Redmi Note 8 Pro, un gama media apto para xogadores

luns, 23 de setembro do 2019 Marcus Fernández

O vindeiro xoves sairá á venda en España o Redmi Note 8 Pro, variante dun dos smartphone estrela en vendas de Xiaomi que está destinada a usuarios máis esixentes e, especialmente, aos que queren gozar de videoxogos en mobilidade, xa que incrementa o tamaño de pantalla (até as 6,53 polgadas), a capacidade do procesador, a cantidade de memoria RAM e a batería, aproveitando as melloras tamén para incorporar cámaras frontal e traseira de maior resolución.
O Redmi Note 8 Pro presume de ser o primeiro smartphone comercializado en España con cámara cuádrupla de 64 Mpíxeles e, de feito, sorprende que un dispositivos de gama media poida contar cun sensor de tal resolución, poida gravar vídeo en 4K e sexa capaz de filmar en cámara lenta a 960 imaxes por segundo. Aparte do sensor CMOS de 64 Mpíxeles con apertura f/1.7, tamén ten un grande angular de 8 Mpíxeles, un macro de 2 Mpíxeles e un sensor de profundidade de 2 Mpíxeles. A Cámara frontal ten un sensor de 20 Mpíxeles e apertura f/2.0 con modo retrato e numerosos efectos.
O elemento que valeríalle o apelido Pro a este teléfono sería o seu procesador MediaTek Helio G90T, que presume dun mellor rendemento que o Qualcomm Snapdragon 710 e incluiría un sistema de refrixeración líquida para pode gozar de lonxas xornadas de xogo sen problema, ao que tamén contribúe o deseño da súa antena Wi-Fi, disposta para que ao colocar o móbil en horizontal as mans do xogador non bloqueen a recepción do sinal (como acontece con moitos outros móbiles).
Precisamente para poder gozar de bastante tempo de xogo o Redmi Note 8 Pro ten unha batería de 4.500 mAh que pode cargarse completamente en 2 horas grazas ao seu cargador de 18 watts.
Este novo teléfono chega en configuracións con 6 ou 8 GB de RAM e inclúe tanto porto para auriculares como NFC, e ten protección Corning Gorilla Glass 5 tanto por diante como por detrás, de xeito que estamos ante un dispositivo que, pese ao seu prezo axustado, semella un gama alta a nivel de prestacións.
O Redmi Note 8 Pro venderase a 249 euros no seu modelo con 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento, custando 269 euros a versión con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento. Ambos estarán dispoñibles en cor gris, branca ou verde, e cómpre sinalar que o modelo básico lanzarse promocionalmente a un prezo de 229 euros.

PUBLICIDADE