Red.es selecciona oito empresas galegas para lucir innovación no Mobile World Congress

mércores, 7 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Red.es vén de seleccionar oito empresas galegas para conformar a listaxe de firmas innovadoras (un total de 58) que integrarán o Pavillón de España na vindeira cita do Mobile World Congress (MWC19), prevista para o mes de febreiro, en Barcelona, entre os días 25 e 28. Trátase de Igalia, Queres, Xesol Innovation, Signen (Tecalis), Disashop, Quobis, Visual Publinet e Improving Metrics.
Red.es organiza e coordina, por sétimo ano consecutivo, esta delegación empresarial cun obxectivo duplo: mostrar ao mundo os mellores proxectos estatais vencellados á industria do móbil e ofrecer ás compañías seleccionadas un espazo que lles permita impulsar a súa internacionalización, presentar novos produtos, buscar investidores ou ampliar a carteira de clientes.
Segundo informa a entidade público-empresarial, os sectores representados nesta edición son “exemplo dun tecido empresarial de vocación tecnolóxica e carácter dinámico”, representantes de ámbitos de traballo tan sobranceiros como as Cidades Intelixentes, a ciberseguridade, a Internet das Cousas (IoT), a computación na nube, o comercio electrónico, a Intelixencia Artificial ou a mercadotecnia dixital, entre outros eidos.
Desta maneira, Red.es quere que o Pavillón de España conte “cunha ampla distribución xeográfica” na próxima edición do congreso, xa que estará integrado por 19 empresas procedentes de Catalunya, 16 da Comunidade de Madrid, 8 de Galicia, 5 de Andalucía, 3 da Comunidade Valenciana, 2 de Estremadura, 2 do País Vasco, 1 de Aragón, 1 de Asturias e 1 de Castela - A Mancha.
Das 58 empresas seleccionadas, 50 disporán dun espazo privativo dentro do pavillón e 8 participarán coa modalidade pack visita que permite beneficiarse de todos os servizos ofrecidos no pavillón pero sen stand de seu.

PUBLICIDADE