Red.es e AMTEGA presentarán ás nosas PEME o programa de axudas Asesores Dixitais

mércores, 22 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Impulsar a dixitalización e a implantación de infraestruturas tecnolóxicas nas pequenas e medianas e empresas e no día a día dos autónomos. Este é o gran obxectivo do programa de axudas Asesores Dixitais, impulsado polo Ministerio de Economía e Empresa a través da Secretaría de Estado para o Avance Dixital. Co obxectivo de mostrar a súa actividade actual e achegar información sobre as súas posibilidades para o noso tecido produtivo, a entidade público-empresarial Red.es, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), vai celebrar o vindeiro 27 de setembro unha xornada informativa.
A cita será ás 16.00 horas nas instalacións do Centro Demostrador TIC en Santiago e está dirixida ás PEME ou autónomos que queiran acometer unha transformación dixital do seu negocio. Nesta xornada exporanse os aspectos claves da iniciativa e haberá unha quenda de preguntas para resolver as dúbidas que poidan xurdir ao público asistente.
Para quen non o saiba, Asesores Dixitais é unha iniciativa impulsada por Red.es e co-financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). A actual convocatoria inclúe até 5.000 euros axuda por PEME para recibiren un asesoramento individualizado e facilitar o proceso de transformación dixital da súa actividade.

PUBLICIDADE