Red.es destinará 200 millóns de euros para a formación de profesionais en dixitalización e IA
mércores, 4 de setembro do 2024
O Consello de Ministros aprobou o real decreto polo que se regula a concesión directa por parte de Red.es dunha subvención á Unión Profesional para o desenvolvemento dun programa de formación en competencias dixitais e de Intelixencia Artificial no ámbito dos colexios profesionais. O importe destinado a esta subvención é de 200.000.000 €.
Como dixemos, esta subvención será concedida por Red.es á Unión Profesional, integrada por 34 Consellos Xerais e Superiores e Colexios Profesionais de ámbito estatal, que abranguen o sector xurídico, sanitario, económico, social, científico, arquitectura, enxeñerías e docentes. Xuntos aglutinan preto de 1.000 colexios profesionais e 1.700.000 profesionais.
As persoas destinatarias das actuacións de formación serán, con carácter maioritario, profesionais, empregados e desempregados, pertencentes aos distintos Consellos Xerais e Colexios Profesionais de ámbito estatal.
As actuacións obxecto da subvención serán formación en competencias dixitais, difusión, comunicación, acompañamento e soporte do programa, dirección do proxecto, auditoría, asesoría xurídica, cumprimento normativo, calidade pedagóxica e control financeira, entre outras actuacións complementarias.
A iniciativa permitirá formar a 80.000 profesionais, cun plan formativo de 150 horas en formato híbrido. O prazo de execución das actividades subvencionábeis estenderase ata o 30 de xuño de 2026.