Red.es autoriza a compra de máis de 14.500 computadores con conectividade para Galicia

xoves, 22 de outubro do 2020 S. P.

O Consello de Administración de Red.es deu luz verde á compra de máis de 14.500 computadores con conectividade para Galicia, unha medida que busca loitar contra a fenda social tecnolóxica agravada pola COVID e a crise económica resultante, que veu parella, de xeito paradoxal, dunhas meirandes demandas de dixitalización. A iniciativa, que beneficiará aos centros públicos sostidos con fondos públicos, vén cun orzamento de máis de 8,5 millóns de euros, dos que 6,8 son achegados por Red.es a través dos fondos FEDER e 1,7 pola Comunidade Autónoma de Galicia. A medida Posto Educativo no Fogar abéirase ao programa estatal Educa en Dixital.
Os pregos de subministración serán publicados nos próximos días na Plataforma de Contratación do Sector Público, unha vez se constitúe a comisión de seguimento do convenio Educa en Dixital Galicia, integrada pola Xunta, Red.es e o Ministerio de Educación e Formación Profesional, que é quen determinará o alcance final da actuación.
O programa Educa en Dixital contempla dotar aos centros educativos de equipos con conectividade fiábel e de calidade para que poidan ser prestados e postos a disposición dos estudantes con necesidades. Tamén abrangue outra serie de actuacións tales como a posta a disposición de aplicacións, ferramentas e recursos curriculares que faciliten a educación dixital, tanto presencial no centro como desde o fogar, co fin de dotar á comunidade educativa de recursos educativos TIC.
A totalidade das Comunidades e Cidades Autónomas adheríronse a este programa que mobilizará inicialmente 230 millóns de euros, dos cales Red.es achegará un orzamento inicial máximo de até 190 millóns de euros, con co-financiamento dos FEDER.

PUBLICIDADE