Red Dead Redemption II chega a Xbox One e PS4
venres, 26 de outubro do 2018
Hoxe é
un día moi agardado por moitos afeccionados aos videoxogos de todo o mundo, xa
que saíu á venda o xogo Red Dead Redemption II,
o último título de Rockstar Games, do que prevese un impacto tan grande que a
meirande parte do resto de lanzamentos do outono adaptaron a súa data de
lanzamento para afastarse o máximo posible deste supervendas que promete manter
posicións moi fortes nas listaxes de vendas durante moitos meses, ou incluso
anos, se temos como referencia o éxito conseguido con Grand Theft Auto V.
Red Dead Redemption II está por fin dispoñible
para Xbox One e PlayStation
4, aínda que algúns usuarios que
o adquiriron aínda non puideron gozar del dado o seu elevado tamaño de descarga
(preto de 90 GB) e incluso tempo de instalación e, de feito, Rockstar permitiu
que os usuarios que mercasen o xogo anticipadamente puidesen iniciar a descarga
hai bastante días para garantir que puidesen xogar dende o minuto 1.
O xogo sitúanos no Salvaxe Oeste Americano, no ano 1899, ou sexa, en pleno
ocaso dos tempos dos foraxidos que protagonizaron tantos westerns. Coñeceremos a Arthur Morgan e á banda de Van der Linde,
que foxen dos federais e dos mellores cazarrecompensas tras un atraco frustrado,
no que converterase en toda unha loita pola supervivencia.
Aparte da campaña para un xogador, espérase que no mes de novembro bote a andar
en probas o modo multixogador de Red Dead
Redemption 2, que de seguir a liña de GTA
Online podería ser o elemento que ampliase a experiencia de xogo a moi longo
prazo.