Red Dead Redemption 2 incorporarase ao Game Pass nun par de semanas
xoves, 23 de abril do 2020
Na actual xeración de consolas de videoxogos a PlayStation 4
pode considerarse a raíña do ámbito doméstico, pero nos últimos anos a Xbox One
non quedou mal parada grazas á súa aposta por servizos como Xbox Game Pass, que
ofrece máis dun cento de xogos mediante unha subscrición bastante económica, e
que destaca por incorporar dende o seu lanzamento todos os xogos dos estudios
de Microsoft, de xeito que simplemente con ser seareiro de franquías como Halo,
Gears of War e Forza xa sae rendible a subscrición.
Pero en Xbox Game Pass non só hai títulos ligados a Microsoft, senón tamén
grandes xogos multiplataforma, como Grand Theft Auto V, un dos xogos
máis vendidos no último lustro, que abandonará
esta selección de xogos o vindeiro 7 de maio para deixar sitio para unha
incorporación dos mesmos desenvolvedores: Red Dead Redemption
2.
A incorporación do último grande xogo de Rockstar Games é unha magnífica nova
para os subscritores de Xbox Games Pass, que poderán gozar así dun título moi
importante, que aínda mantén un prezo de venda bastante elevado e que, aparte
do seu modo historia, tamén inclúe o acceso ao mundo compartido de Red Dead
Online, no que os xogadores poden adoptar distintos roles, de xeito que tanto
poden converterse en cazadores de recompensas, buscadores de tesouros ou montar
unha destilería ilegal.
A renovación de xogos en Xbox Game Pass é frecuente, de xeito que nos últimos
días recibiu títulos como Yakuza Kiwami, Gato Roboto, Machinarium
e The Long Dark, e proximamente recibirá Gears Tactics, Deliver
Us The Moon, HyperDot e Levelhead, sendo especialmente
atractivo este servizo na súa variante Ultimate, que inclúe títulos tanto de
Xbox One como de PC, o que multiplica as posibilidades de diversión.