Recta final para presentarmos webseries ao Carballo Interplay, sétima edición

xoves, 13 de febreiro do 2020 Redacción

Este domingo 16 de febreiro remata o prazo para presentar series á sección oficial do Carballo Interplay, que vai pola súa sétima edición e que se se celebrará entre o 1 e o 4 de abril deste ano, coa previsión de repartir máis de 7.000 euros en galardóns. Segundo informa a organización do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, xa se recibiron, a mediados de febreiro, máis de 150 propostas audiovisuais de todo o mundo a través das plataformas carballointerplay.com ou de filmfreeway.
A organización lembra que as persoas que queiran presentar as súas propostas á sección oficial poden facelo a través das devanditas páxinas web. Deben ter en conta que as series poden ser de calquera duración, temática, xénero, de imaxe real ou de animación, nacionais ou internacionais, pero deben ser producidas entre os anos 2017 e 2020.
Entre as achegas audiovisuais recibidas, un xurado composto por profesionais do sector audiovisual e da cultura, así como de representantes de asociacións profesionais relacionadas co sector premiará a mellor webserie, a mellor webserie internacional e a mellor webserie en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría. As escollas do xurado novo e máis do público levarán 400 euros e trofeo, cada unha. Tamén haberá un premio á mellor campaña de difusión online, dotado con 500 euros e trofeo; e un premio ao mellor guión e outro á mellor dirección, dotados con 200 euros e trofeo. Finalmente, entregaranse cadanseu trofeo á mellor actriz e ao mellor actor.
As webseries producidas en Galicia optan, polo tanto, aos dous premios de mellor webserie e mellor webserie VO Galego.
A novidade salientábel desta sétima edición do Carballo Interplay é o salto cualitativo que dá o premio a proxecto de webserie en galego, que duplica a súa dotación económica e destinará 3.000 euros para a produción de tres vídeos da serie do proxecto premiado. A data límite para presentarse é o 15 de marzo e os proxectos deben ser creacións audiovisuais propias e orixinais, pensadas para seren publicadas e difundidas a través de internet e mediante capítulos, episodios ou partes (como mínimo tres), pero poden ser de imaxe real, animación, stop motion ou técnica combinada.

PUBLICIDADE