Recoñecemento a Microsoft polo seu labor a prol do plurilingüísmo
mércores, 25 de febreiro do 2009
O Círculo de Bellas Artes de Madrid vén
de dar acollida, este mesmo mediodía, a un acto no que os gobernos galego,
catalán, vasco e balear lle entregaron a Microsoft
o premio á Promoción da realidade
plurilingüe do Estado Español polo seu labor de recoñecemento e promoción
da diversidade lingüística de España.
O xurado escollido para outorgar o
distinguido galardón, valorou a “achega
clave” de Microsoft, así como o “importante
esforzo de investimento para adaptar os seus novos produtos de software ás
distintas línguas”, entre elas o galego.
A secretaria xeral
de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Marisol López, que acudiu en
representación do executivo galego, destacou "o compromiso e a responsabilidade social" da compañía, que
sinalou como "un caso exemplar de
compromiso coas linguas de España".
O devandito Premio á
promoción da realidade plurilingüe é unha distinción honorífica, sen
contido económico, que se outorgará anualmente e que na súa primeira edición lle
correspondeu á empresa Microsoft, galardoada “polo seu esforzo de conxugar a diversidade lingüística coas novas
tecnoloxías”.
Na actualidade, o sistema operativo
Windows e o paquete ofimático Office, ámbalas dúas ferramentas desenvolvidas
por Microsoft, contan con interfaces en galego, catalán e vasco, tanto nas súas
versións anteriores como nas actuais, Vista e Office 2007.
A entrega do premio tivo lugar ás 12:30
horas e a ela asistiron, entre outras personalidades, a presidenta de Microsoft
Ibérica, María Garaña, así como os máximos representantes da política
lingüística dos catro gobernos.