Receptor de radio HD a un prezo económico

luns, 13 de xullo do 2009 Marcus Fernández

A radio dixital en Europa está a ter moitos problemas para implantarse, pero nos EE.UU. está a avanzar cunha tecnoloxía alternativa chamada radio HD (un híbrido entre analóxico e dixital) que polo momento ten como principal atranco o prezo dos receptores, o que vai camiño de solucionarse, e aparte de saír en breve o Zune HD (reprodutor multimedia de Microsoft con soporte deste tipo de radio) tamén chega ás tendas o Insignia NS-HD01, receptor de radio HD que ten un prezo de só 49,99 dólares (35,71 euros) e serve tanto para recibir as novas emisións dixitais como as clásicas emisoras en FM, contando con 10 memorias para almacenar as nosas emisoras favoritas.
Este receptor conta cunha batería recargable a través dun conector mini-USB e que achégalle unha autonomía de 10 horas. Ten unha pantalla de 1,5 polgadas (na que pode lerse a emisora de radio, a canción e o seu intérprete que se escoita a cada momento), 9 botóns de control e conector para auriculares de 3,5 milímetros.

PUBLICIDADE