Receptor de TDT por USB con dous sintonizadores

mércores, 8 de novembro do 2006 Marcus Fernández

A chegada da Televisión Dixital Terrestre deu lugar a curiosos dispositivos USB que cun tamaño semellante a unha memoria Flash permitían a recepción da televisión no ordenador, así como a súa gravación sen perda de calidade, pero estes dispositivos están a evolucionar incorporando cada día máis prestacións, e a xente de Elgato desenvolveu un receptor de TDT para portos USB 2.0 coñecido coma EyeTV Diversity que nun tamaño reducido integra dous sintonizadores de televisión o que lle permite tanto ver e gravar televisión simultaneamente como ver dúas canles á vez (mediante Picture-in-Picture).
O EyeTV Diversity tamén permite as típicas funcións de time shifting (que permiten pausar unha emisión en directo para continuar o seu visionado máis tarde), inclúe aplicacións que facilitan a gravación dos programas a discos, pode exportar os contidos gravados para a súa visualización nun iPod e incluso é compatible con ordenadores Mac.
O impresionante receptor de televisión por USB 2.0 véndese a 149,95 euros.

PUBLICIDADE