Realme trae a España os seus móbiles máis potentes e coa carga máis rápida

mércores, 8 de xuño do 2022 Marcus Fernández

Aínda que Realme é un fabricante popular polos seus móbiles económicos, non quere quedar aí, e trae a España os smartphones Realme GT Neo 3 e GT Neo 3T, que presumen de grandes prestacións e baterías con carga rápida a prezos relativamente axustados.
O smartphone máis económico sería o Realme GT Neo 3T, que tería un prezo promocional de lanzamento de 399,99 euros, o que está bastante ben para un dispositivo cun procesador Qualcomm Snapdragon 870 5G e batería de 5.000 mAh con carga rápida SuperDart de 80 watts (capaz de completar a metade da súa carga en só 12 minutos). Este móbil cun deseño de raias de carreiras e pantalla AMOLED de 120 Hz está equipado con 8 GB de RAM, cámara traseira tripla cun sensor principal de 64 Mpíxeles e cámara frontal de 16 Mpíxeles, así como NFC para pagamentos e altofalantes estéreo para unha boa experiencia sonora.
En definitiva, un produto moi competente, cun prezo que o deixa ao alcance dun público bastante amplo que busca un móbil con prestacións de alta gama pero non quere facer un grande investimento económico.
Curiosamente o Realme GT Neo 3T tamén está dispoñible nunha Dragon Ball Z Edition, cun prezo de 499,99 euros, e que basicamente é o mesmo móbil, pero mudando a súa aparencia (en carcasa e software) para homenaxear á serie de animación de As Bólas Máxicas, polo que será un produto ideal para os seareiros das aventuras de Son Goku.
Por outra banda, os usuarios máis esixentes poden facerse co Realme GT Neo 3, que ten un prezo promocional de lanzamento de 549,99 euros, que co seu procesador MediaTek Dimensity 8100 achega unha grande potencia e conectividade 5G, presumindo tamén de batería con carga rápida SuperDart de 80 watts e pantalla AMOLED de 120 Hz, pero destacando por ter até 12 GB de RAM e polo seu sensor de imaxe Sony IMX766 OIS, ou sexa, que é capaz de disparar fotografías cunha calidade coa que rivaliza con móbiles de prezos moi superiores.
Como curiosidade, por 649,99 euros (prezo promocional para a versión con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento) está tamén dispoñible unha variante deste móbil con carga rápida de 150 watts, ou sexa, coa carga máis rápida do mundo, de xeito que podería completar a metade da súa capacidade de carga en só 5 minutos.
En calquera caso estamos ante móbiles moi completos e competentes, que como principal problema comercial teñen un rango de prezo ao que os usuarios non están afeitos para esta marca, aínda que vendo os prezos que teñen actualmente os Realme GT Neo 2, podemos entender que serán uns móbiles que gañarán moita popularidade en funcións das súas baixadas de prezo e promocións, xa que tecnicamente son moi completos.

PUBLICIDADE