Realme presenta novos móbiles de gama media con acabados elegantes
luns, 29 de xaneiro do 2024
Realme vén de presentar na India os seus novos Realme 12 Pro 5G e Realme 12 Pro+ 5G, que poderían converterse nuns grandes móbiles de gama media cando cheguen ao noso territorio pola súa previsible boa relación entre prestacións e prezo, xa que son móbiles de gama media moi completos.
Ambos móbiles contan con pantalla OLED Full HD+ de 6,7 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz, Wi-Fi 6, Bluetooth 5.2, NFC e batería de 5.000 mAh con carga rápida de 67 watts. Aínda que as súas especificacións sexan bastante completas, resultan especialmente rechamantes polo seu deseño, cunha traseira en polipel e acabados inspirados nos reloxos de luxo, para dar a impresión de que estamos ante un dispositivo Premium.
O Realme 12 Pro 5G funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 6 gen 1, 8 GB de RAM, 128/256 GB de almacenamento, cámara traseira tripla cun sensor principal Sony IMX882 de 50 Mpíxeles, un grande angular de 8 Mpíxeles e un teleobxectivo 2x de 32 Mpíxeles, así como unha cámara frontal de 16 Mpíxeles. Véndese a un prezo de 25.999-26.999 rupias (289-300 euros) en función da súa capacidade de almacenamento.
Máis completo é o Realme 12 Pro+ 5G, que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 7s Gen 2, 8/12 GB de RAM, 128/256 GB de almacenamento, cámara traseira tripla cun sensor principal Sony IMX890 de 50 Mpíxeles, un grande angular de 8 Mpíxeles e un teleboxectivo 3x de 64 Mpíxeles, así como unha cámara frontal de 32 Mpíxeles. Véndese por 29.999-33.999 rupias (333-378 euros) en función da RAM e o almacenamento.