Realme apunta á alta gama cos seus prezos agresivos

martes, 15 de outubro do 2019 Marcus Fernández

En xuño desembarcou no noso mercado a marca Realme, considerada o selo económico de Oppo, co atractivo Realme 3 Pro, que ofrece unhas grandes prestacións e elegante deseño por un prezo que parte dos 199 euros, e agora amplía o seu catálogo co Realme X2 Pro, un dispositivo moito máis ambicioso, que parte dun prezo de 399 euros, e que busca competir con dispositivos de alta gama con prezos agresivos.
O Realme X2 Pro funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 855+, até 12 GB de RAM LPDDR4X e 256 GB de almacenamento UFS 3.0, pantalla Super AMOLED Full HD+ cunha velocidade de refresco de 90 Hz e HDR10+, altofalantes estéreo Dolby Atmos, cámara cuádrupla de 64 Mpíxeles con zoom híbrido de 20x (e óptico híbrido de 5x), NFC e batería de 4.000 mAh con carga SuperVOOC de 50 watts (capaz de cargar completamente en 35 minutos), prestacións que en conxunto situaríanse por enriba dos teléfonos insignia da meirande parte de fabricantes. Tamén presume dun motor táctil omnidireccional e dunha cámara de vapor para manter unha boa temperatura durante longas sesións de uso.
Este impresionante teléfono chega a España a un prezo de 399 euros con 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento; de 449 euros con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento; e de 499 euros con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento.

A marca Realme destaca por grandes prestacións e elegante deseño a prezos axustados

PUBLICIDADE