Razer presenta unha potente consola portátil baseada en Android

luns, 17 de outubro do 2022 Marcus Fernández

O fabricante de accesorios Razer vén de presentar o que consideran que é o dispositivo definitivo para xogos en Android, que vén a ser unha tableta orientada aos videoxogos, para o que conta con controis físicos que poden colocarse aos seus lados dando a impresión de que estamos ante unha Nintendo Switch, e que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon G3x Gen 1, 8 GB de memoria LPDDR5, 128 GB de almacenamento (ampliable mediante tarxetas microSD de até 2 TB), un sistema de refrixeración activa e unha pantalla AMOLED de 6,8 polgadas, con resolución de 2.400 x 1.080 píxeles e refresco de 144 Hz, de xeito que non atoparemos nada semellante no mercado.
O Razer Edge é un dispositivo que resulta impresionante, non só polas prestacións mencionadas, senón porque tamén conta cunha boa autonomía (ten unha batería de 5.000 mAh), unha conectividade moi completa (Wi-Fi 6E, Bluetooth 5.2 e 5G), altofalantes estéreo e incluso 2 micrófonos.
Esta tableta con Android 12 chegará ao mercado estadounidense a primeiros de 2023, descoñecéndose polo momento a data de lanzamento no resto de mercados, coñecéndose polo momento que o seu prezo será de 399,99 dólares na súa versión con Wi-Fi, estando por confirmar o prezo do modelo con 5G.
Cómpre advertir de que a tableta ten un grosor de só 10,83 milímetros e un peso de só 263,8 gramos cando non se lle conectan os mandos aos lados, mentres que co controlador o seu pese incrementaríase até os 400,8 gramos, polo que estamos ante un dispositivo moi semellante á Switch en dimensións e peso, pero cunha potencia moi superior, o que permítelle correr xogos máis esixentes, aínda que o seu fabricante tamén destaca o feito de que resulta ideal para gozar de xogos de PC e Xbox a través da nube, o que pode resultar un grande incentivo para a compra desta consola que demostra ter unha versatilidade moi superior á que presentou Logitech hai poucas semanas.

Vídeo promocional da Razer Edge

PUBLICIDADE