Razer presenta o seu segundo smartphone para gamers

xoves, 11 de outubro do 2018 Marcus Fernández

O fabricante de accesorios para videoxogos Razer ousou a lanzar o ano pasado un smartphone, que conseguiu chamar a atención grazas á integración dunha pantalla cun refresco de 120 Hz, seguindo así a tendencia dos monitores gaming dos ordenadores persoais, e aínda que este dispositivo non conseguiu un grande éxito comercial, a compañía recunca no seu esforzo por facerse un oco no mercado móbil e presenta o Razer Phone 2.
Este novo teléfono, orientado de novo para o uso de videoxogos, continúa a apostar por unha impresionante pantalla de 5,7 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles e unha velocidade de refresco de 120 Hz, que mellora un 50% o seu brillo e soporta HDR, de aí que podemos gozar dunhas imaxes de grande calidade cunha fluidez de movemento sen igual. Actualiza o seu procesador até o estándar actual na alta gama, o Qualcomm Snapdragon 845, incluíndo refrixeración de cámara de vapor para poder soportar longas sesión de xogo, e contando tamén con 8 GB de RAM para non ter problema para correr ningún xogo ou aplicación de xeito áxil.
A nivel fotográfico opta por unha cámara traseira dual con sensores Sony IMX con distintas aperturas e capaces de gravar vídeo a 120 imaxes por segundo (en consonancia coa pantalla do terminal), aínda que a cámara frontal limita a captura de vídeo Full HD a 60 imaxes por segundo (o que segue a ser un vídeo cunha alta taxa de refresco).
Pero os cambios deste novo móbil son principalmente internos, resultando o cambio externo bastante curioso, xa que o que para moitos é a grande novidade do Razer Phone 2 é que o logotipo que presenta na súa traseira conta con iluminación RGB, ou sexa, que pode mudar de cor e realizar distintos efectos configurables a través dunha aplicación.
En autonomía tampouco quedará curto, xa que o Razer Phone 2 integra unha batería de 4.000 mAh con Qualcomm QuickCharge+ e soporte de carga sen fíos (tamén rápida, a través da base de carga que Razer vende por separado).
Aínda que este novo terminal incorpora altofalantes de bastante calidade, a nivel sonoro outro detalle a destacar é que o dispositivo incorpora un DAC de 24 bits para USB-C, de xeito que os altofalantes e auriculares de cable que se conecten a través de USB-C poderán gozar dun son de grande calidade.
O prezo do Razer Phone 2 é de 799,99 dólares, e aínda que xa se aceptan pedidos, non comezará a remitirse aos compradores norteamericanos até o vindeiro día 22. Polo momento non parece que vaia ter distribución oficial en España onde, pola contra, si se vende un accesorio pensado para o teléfono: o Razer Raiju Mobile. Este trebello é un mando semellante ao das consolas de videoxogos domésticas, que incorpora un espazo no que colocar o smartphone, facilitando así o goce de xogos móbiles cunha precisión propia dos xogos de consola. O seu prezo será de 179,99 euros, deixando claro que estamos ante un produto de calidade orientado a usuarios esixentes.

PUBLICIDADE