Razer presenta o seu primeiro smartphone

xoves, 2 de novembro do 2017 Marcus Fernández

A primeiros de ano o fabricante especializado en accesorios para videoxogos Razer fíxose co equipo de Nextbit que desenvolvera o smartphone orientado á nube Robin, e aproveitou ese coñecemento para desenvolver o que consideran que é u smartphone propio para gamers, o Razer Phone.
Existe realmente un hardware de teléfono orientado a xogadores intensivos? Dende Razer consideran que si e, aparte dunha configuración moi completa, coidaron especialmente un elemento que é no que o Razer Phone destaca fronte a todo o que podemos ver no mercado: conta cunha pantalla LCD de 5,7 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles e unha taxe de refresco de 120 Hz, o que definen como UltraMotion, converténdose no primeiro teléfono en facer tal (Apple fixera algo semellante, pero só o aplicou nos seus iPad Pro).
Aparte de optar por unha pantalla moi rápida, que agradecerán os xogadores afeitos as tecnoloxías semellantes en ordenadores optimizados para tal, o Razer Phone tamén integra uns potentes altofalantes frontais Dolby ATMOS con certificación THX, de xeito que temos un terminal apto para os amantes do bo son, aínda que posiblemente non agradezan tanto o feito de que o móbil careza de toma de auriculares (aínda que inclúe un adaptador de USB-C a jack para poder empregar auriculares con cable tradicionais).
O Razer Phone está equipado cun potente procesador Qualcomm Snapdragon 835, 8 GB de memoria LPDDR4, 64 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 2 TB), dobre cámara traseira (a principal de 12 Mpíxeles con apertura f/1.75 e outra de telefoto de 13 Mpíxeles cunha apertura de f/2.6), cámara frontal de 8 Mpíxeles con apertura f/2.0, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.2, NFC, batería de 4.000 mAh con Quick Charge 4+, un grosor de 8 milímetros e un peso de 197 gramos.
O seu prezo europeo sería de 749,99 euros, aínda que polo momento só pode conseguirse a través do operador Three, estando dispoñible a partires do vindeiro día 17 a través da páxina web do fabricante e dalgunha outra tenda máis.
O Razer Phone sería un digno smartphone de alta gama, que incluso competiría moi ben en prezo cos principais fabricantes, pero ten como principal eiva o chegar dunha compañía sen experiencia no sector e cunha canle de distribución moi feble, que fai que os consumidores poidan ter reparos en facerse cun destes dispositivos ante a incógnita que supoñen o seu soporte futuro e o seu servizo técnico (que claramente será moi inferior ao de fabricantes con grande presenza comercial).

Vídeo promocional do Razer Phone

PUBLICIDADE