Razer prepara un teclado e un rato para Xbox One

luns, 26 de novembro do 2018 Marcus Fernández

A última actualización do software de sistema da Xbox One abriu a posibilidade de empregar teclado e rato nos xogos que os seus desenvolvedores estimen oportunos, para o que Microsoft contou coa colaboración de Razer, fabricante de accesorios que adiantou que ía pór á venda teclados e ratos Designed for Xbox, que ofrecerán unha experiencia de xogo optimizada. Aínda que estes dispositivos aínda non se presentaron oficialmente, temos as súas primeiras imaxes.
O teclado e rato de Razer deseñado para Xbox One desvelarase no marco do Consumer Electronics Show (CES 2019) que terá lugar a primeiros de xaneiro, e no que detallarán as prestacións destes accesorios que polo momento xa parecen ter claro que van seguir a tendencia dos dispositivos para gaming, cun deseño agresivo e unha aposta pola retroiluminación rica en cores.
Aínda que en esencia o novo teclado mecánico de Razer sería como o dun ordenador persoal, na primeira imaxe do mesmo poder ver un lixeiro cambio: a tecla de Control dereita presenta o logotipo da Xbox, ou sexa, que faría as funcións do botón de Xbox presente nos mandos de xogo da consola de Microsoft.

PUBLICIDADE