Rayman Fiesta Run estrea versión para Windows 10

xoves, 7 de abril do 2016 Marcus Fernández

O xogo Rayman Fiesta Run leva un par de anos en Windows Phone 8, e agora este atractivo título relánzase nunha Windows 10 Edition que pode adquirirse por 2,99 euros e que tamén inclúe compras integradas na aplicación. Estamos ante un sinxelo e divertido xogo de plataformas que encantará a todos os que gozaron de Rayman Jungle Run, e que agora ofrece moitos máis contidos e novas mecánicas a través de máis de 75 niveis.
O xogo conta con 4 novos mundos festivos e será preciso superar a 3 grandes xefes finais para chegar á temible illa dos Non-tan-mortos, recollendo lums polo camiño para conseguir recompensas e melloras mentres se salta, voa, corre e dá puñazos.
Pese a estarmos ante un xogo que simplifica o control fronte ás entregas principais dos xogos de Rayman, no que a gráficos e son se refire continuamos a estar ante unha produción moi coidada, que callará no xogador, e que nesta nova versión pode xogarse tanto en dispositivos móbiles como en ordenadores con Windows 10.

Pese a ser un xogo simplificado para facilitar o seu control en dispositivos móbiles, continúa a ter un deseño coidado como os principais títulos da saga principal protagonizada por Rayman

PUBLICIDADE