R migrou máis de 360.000 liñas móbiles de clientes particulares á rede de MásMóvil

luns, 23 de maio do 2022 S. P.

R fixo balance dos traballos despregados para migrar as súas liñas móbiles á rede propia do grupo MásMóvil, do que forma parte. En concreto, trasladou e adaptou á rede de antenas do grupo máis de 360.000 liñas móbiles, o que representa o cen por cen dos seus servizos particulares. “Grazas a isto”, sinala a operadora de orixe galega, “os usuarios xa dispoñen dunha cobertura sensibelmente mellorada”. Ademais, salienta que “foron cumpridos os prazos establecidos en decembro co inicio do proceso de migración, realizado sen incidencias no servizo e de forma transparente para as e os clientes de R”.
A operadora con sede principal na Coruña tamén destaca que a partir de agora as persoas usuarias dos seus servizos teñen acceso á completa infraestrutura do Grupo MásMóvil, “que deu prioridade aos seus investimentos en Galicia”, e poden beneficiarse tamén dos acordos de compartición de redes con outros operadores, principalmente con Orange España. “Esta migración”, engade R, “garante unha excelente conexión en calquera lugar”, permitíndonos dispor “dun servizo de telefonía móbil excelente de maneira sinxela”.
Amais, a empresa galega engade que o número de antenas dispoñíbeis en Galicia multiplicouse por 2,5 veces dende o ano pasado. “Esta migración da rede de móbil”, explican fontes da empresa, “sitúanos nunha posición excepcional no mercado das telecomunicacións en España, co índice de tempo sen cobertura máis baixo de todo o sector”.

PUBLICIDADE